Xa o dicía meu avó...

 

Sindo González

C. ecuestre Deputación Provincial 

 

A “paréntese” que sufriu a actividade ecuestre nos anos 70 e 80, propiciou que chegase a existir un certo grao de  incultura hípica entre os novos afeccionados e propietarios. E todos nós, cando comezamos, escoitamos a voz dos máis vellos que tiñan “nado entre eles” e  “pelexado toda a vida con eles”, o que lles infundía autoridade suficiente para darnos consellos de manexo. Nin que dicir ten que para eles o cabalo era realmente importante, non hai máis que comprobar cómo se lles enche a  boca a algúns o antepoñerlles o adxectivo: un  bo cabalo era moi apreciado. As recomendacións son unhas veces moi sabias e outras, de dubidosa eficacia, pero todas teñen a súa razón de ser. De só unhas poucas desas prácticas (a lista é inmensa) nos imos ocupar, aínda que moi brevemente, de seguido.  

Alimentación:

Tiñan razón os vellos cando preferían levar ó prado ós cabalos nas mañás de xeada, antes que nos días de chuvia. É certo que os équidos toleran moi ben o frío seco, e bastante mal a chuvia, pois o seu pelo, moi pouco graxo, perde a súa función illante con moita facilidade ó mollarse. Isto fai que perdan moita calor corporal rapidamente, o que adoita traducirse nunha caída das defensas corporais con efectos negativos para a saúde: afeccións respiratorias, etc.

Non acertaban, sen embargo, na argumentación,  ó atribuírlle efectos perniciosos ó pasto mollado, ó que consideraban un auténtico inimigo, especialmente dos cabalos con problemas respiratorios crónicos (“asmáticos”). Estes animais, afectados case sempre por unha alerxia ás esporas dos fungos presentes na herba seca que comían, víanse confinados nas épocas de chuvia en cortes pechadas, sen ningún tipo de ventilación, coa herba contaminada como único alimento, co que a súa doenza se agravaba progresivamente. O pasto, non era pois o responsable da doenza, e non ten ningún risco cando se consome fresco e a vontade do animal. Outra cousa é o que consomen despois de segado, responsable de moitas dilatacións de estómago de consecuencias fatais. Por esta razón o mesturaban sabiamente con palla ( “empalladas”), enlentecendo o consumo e engadindo fibra, co que se reduce a produción de gas no estómago.  

Outra práctica alimentaria desafortunada era a de administrar “suplementos” alimenticios (millo, case sempre) antes de esforzos importantes (longas viaxes ou sesións de traballo). Isto non era excesivamente perigoso naqueles  animais relativamente “en forma”, que tiñan no seu intestino unha boa reserva de fibra (toxos) e facían exercicio diario, pois o seu organismo estaba moi ben adestrado para a absorción - acumulación - mobilización da enerxía. Pero cando se aplica actualmente a cabalos de fin de semana, que permanecen parados a maior parte dos días, e, máis aínda, xa sobrealimentados (o meu amigo Manolo Marta cualifícaos  moi acertadamente  como “cabalos de maseira”), o máis seguro é que ó día seguinte nos atopemos cunha laminite (“infosura”) de consecuencias moi negativas. 

En canto á alimentación, en resumo, atinaban algunhas veces, e outras non; contaban, iso si, cun auténtico seguro de vida: O TOXO. Ademais de garantir fibra suficiente para amortecer calquera erro alimentario, eran tamén unha fonte de proteína de boa calidade. Como base da alimentación equina, non tiña nada que lle envexar á alfalfa castelá, coa  vantaxe ademais de ser unha magnífica cama.  Desde logo, sería moi recomendable recuperar o seu emprego. 

A castración:

Era comunmente aceptado que o dono do cabalo non debía estar presente no momento da castración. Sabia precaución,  se se ten  en conta que a operación se facía sen ningún tipo de anestésico, o que constituía unha auténtica tortura para o animal. Desta maneira, moitos cabalos chegaban a asociar á persoa que participara na súa suxeición coa dor que se lle infrinxira e non admitirían nunca a súa presenza, volvéndose incluso agresivos.Hoxe, sen embargo, non ten sentido tomar esta precaución, pois a castración faise completamente indolora, e, máis aínda, os sedantes modernos garanten que o animal non recorde ese momento. 

Unha das crenzas que máis nos chama a atención ós veterinarios son os presuntos “graos” de castración. Explícome: moitos propietarios crían que se podía castrar “parcialmente”, deixando máis ou menos “sangue” (utilízanse moitas palabras distintas para definir o “carácter”  do macho enteiro), chegando a reclamar o que podería definirse como unha castración á carta. E despois de recuperado da operación, o capador seguía a ser o responsable de que o cabalo quedase con máis ou menos vigor do debido, é dicir, capado “de máis“ou “de menos”. Supoño que isto é atribuíble ó moi abundante e variado repertorio científico dos capadores, que sempre se souberon rodear daquela aura de sapiencia que os facía xente importante entre os gandeiros. 

As feridas:  

          Deixando á parte unha longa lista de “antisépticos” e cicatrizantes moi coñecidos, algúns útiles, outros de máis ca dubidosa eficacia, había certas prácticas moi recomendables. 

Unha delas era a de atar ós feridos nun río ou regato que lle lavase a chaga, mellor nunha zona de corrente. É certo que dá bo resultado, non polos poderes curativos que algúns atribuían a certas plantas do río, senón pola limpeza mecánica da ferida, fundamental para a curación. Tamén se ataban no río os doentes de infosura, que se beneficiaban do enfriamento producido pola auga, pero case sempre descoidaban as características do leito do río, estacionándoo enriba dos coios do fondo, que son moi prexudiciais. (Como ben diría outro bo amigo, o Cachín, neste caso, desfacían co rabo o que facían co fociño). Outra práctica moi coñecida cos “enfosados”, esta moi recomendable, era a de mantelos permanentemente nun lameiro húmido, que proporciona unha superficie de apoio branda, un bo grado de humidade, garantía de exercicio moderado e herba como única alimentación. Aínda hoxe, moitos cabalos melloran de maneira notable cando son “abandonados” nestas condicións como último recurso.

Volvendo ás feridas e á súa limpeza mecánica, tamén había quen requiría os servizos do can para que lambese a ferida da besta. Aínda que a saliva destes animais ten algún compoñente antiséptico, este non ten a importancia que se lle atribúe e é unha vez mais a limpeza meticulosa da ferida que fai o animal coa lingua, o que facilita a súa curación e diminúe o risco de que sexa contaminada con larvas de moscas (miases) ó retirar os detritos que as atraen  para depositar os ovos.  

Acertarán ou non a recomendarnos un remedio axeitado para o noso caso, pero non cabe dúbida de que neste eido, como en todos, escoitar ós maiores é sempre unha práctica recomendable ademais de moi  pracenteira. Non desperdiciemos ningunha ocasión para facelo, seguro que aprenderemos moito e sorprenderanos comprobar os coñecementos de moitos deles.

Categoria: