Prevención de cólicos

Entendemos por cólico (de colon) a dor intestinal que se presenta de maneira máis ou menos súbita e violenta. Seguramente non hai entre os afeccionados aos cabalos unha palabra que produza máis temor. E non lles falta razón, se temos en conta que entre un 70 e un 80 por cento das mortes de equinos por causas non naturais son debidas a esta padecemento.

Os équinos teñen unhas características anatómicas e un réxime de vida que favorece a presentación destes cadros. Para comezar, son herbívoros (vexetarianos) e deben consumir diariamente unha cantidade de alimento considerable, pois as forraxes son moito menos nutritivas cá carne. Por exemplo, a diferenza dos ruminantes, carecen de adaptacións evolutivas (pre-estómagos) que procesan o alimento que pasa ao estómago. Por iso, para poder extraer os nutrientes dos vexetais, o seu intestino é moi longo (case 60 metros). E este longo tubo debe estar pregado no abdome, un espazo moi pequeno, sobre todo en animais en competición. Nestas condicións, calquera alteración na integridade da parede, no volume ou na composición do contido intestinal altera o fráxil equilibrio existente e salta a alarma, aparece a dor.
Hai, obviamente, moitos tipos de cólicos, de moi distinta gravidade e producidos por causas moi diversas.
  

Un 80% das mortes de équidos por causas non naturais son debidas a cólicos, e de aí a importancia da súa prevención.

O tratamento, cando existe, é tamén particular para cada un, por iso debe ser sempre o veterinario o que tome as decisións. Pero, como case sempre en medicina e veterinaria, e máis neste caso, o mellor tratamento é a prevención, por iso nos imos centrar neste punto: ¿como podemos evitar ou, polo menos, minimizar a presentación de cólicos? Basicamente de dúas maneiras: mantendo san o intestino e realizando boas prácticas alimenticias.

 

A fisioloxía do intestino vese alterada por un número moi amplo de enfermidades, pero son os parasitos os que teñen unha maior incidencia e son a causa de moitos e moi graves cólicos. Convén ter en conta que a gran maioría de cadros mortais débense a eles. Hai moitos mecanismos polos que estes organismos alteran o funcionamento do intestino: os ascaris, ou lombrigas vulgares, son ás veces tan abundantes, especialmente nos poldros, que forman pelotas que chegan a obstruír o intestino.

Máis importancia teñen aínda as tenias, que se fixan á mucosa intestinal producindo inflamación, aumento de grosor da parede, diminución da luz e unha posible obstrución. Ademais, ao ser o seu corpo arrastrado polo contido intestinal, tirando punto da mucosa no punto de fixación, chega a producir unha invaxinación desta, que ten unicamente solución cirúrxica.
Pero son os estronxiloides os grandes asasinos dos cabalos: as súas larvas migran a través do intestino, atravesando a súa parede (peritonite focal) e, ás veces, tamén a parede das arterias intestinais, provocando a formación de trombos que acaban obstruíndo as de máis pequeno calibre. O resultado é unha isquemia nun tramo máis ou menos amplo de intestino de prognóstico sempre moi grave.

 

Hai algunhas maneiras de reducir a carga parasitaria dos animais mediante o manexo adecuado dos pastos: o descanso dos prados, evitando a presenza de équidos en períodos prolongados ou a rotación de pastoreo con outras especies é unha boa práctica. Convén utilizar parcelas extensas e evitar o costume de levar sempre os cabalos aos mesmos pastos (a maioría das explotacións familiares tiñan adxudicado un "prado da besta", que utilizaban constantemente para este fin). De todos os xeitos, só lograremos mantelos a raia coa aplicación regular de antiparasitarios.

A frecuencia idónea dos tratamentos e os produtos para utilizar deben ser determinados polo veterinario segundo o réxime de vida dos animais: os estabulados teñen menos posibilidades de contaxio que os que pastorean e, entre estes, hai grandes diferenzas segundo as condicións dos prados: unha carga gandeira (número de cabezas de superficie) moi alta durante moito tempo eleva extraordinariamente o poder de infección dos pastos, ata o punto de facer necesarios tratamentos antiparasitarios mensuais.

Categoria: