VIAXE AO CASTRO LEBOREIRO

RUTA DOS CONTRABANDISTAS. VIAXE A CASTRO LEBOREIRO

Por José López Vilachá

Viaxar significa escapar da rutina, descubrir novas rutas, admirar paisaxes, meterse en lugares con maxia, e sempre o pracer de ampliar os nosos horizontes. Viaxar é un pracer e converterse nun viaxeiro a cabalo toda unha aventura.

A nosa empeza a primeira fin de semana de xuño.

Xuño é un bo mes para cabalgar: fai bo tempo e as moscas aínda non molestas aos cabalos. Así que preparamos a ruta e dispómonos a montar ata detrás da fronteira, despois de haber cargado o coche de apoio que nos agardará en Castro Leboreiro coa comida dos cabalos e as nosas mochilas.

Saímos a media mañá da Hípica de O Mundil e logo de cruzar o Arnoia pola Pontenova subimos a Grixó de de alí a Calvos e Fonte Branca para bordear a Serra da Moura porriba de Redemuiños en dirección á Mourisca. Baixamos ao río Grande e despois de cruzalo empezar a subida ata Xacebáns.

Chegamos a Xacebáns onde facemos parada, derradeira aldea galega antes de cruzar a raia, cun pequeno bar no antigo forno comunal, ben conservado pero xa non coce. Despois de dar de beber aos cabalos e encher as cantimploras na fonte, en ascenso prolongado séguese ata as proximidades da mole granítica de Penagache a 1226 metros, pico este onde tivo lugar a primeira ascensión deportiva de montañismo en Galicia. Dende a cruz que o coroa divísanse os vales do Miño, do Arnoia e do Deva, así como as serras de San Mamede coa zona da Limia. Do outro lado de Penagache pódese ver no inverno a fervenza do Rabo do Gato.

Volvendo á pista en lixeiro ascenso chegamos ao marco fronteirizo 21. En dirección sueste e en territorio portugués pódese divisar unha mámoa escalada, aínda que un tanto mal parada. A altura do marco 23 e na parte galega érguese  a impoñente mámoa de Mota Grande. Estamos na mancha megalítica dispersa nunha área de 50 quilómetros cadrados en altura superior a 1100 metros onde existen preto de un centenar de monumentos megalíticos. Será tal vez a maior concentración peninsular de dolmens prehistóricos.

De novo no marco 21 e seguindo a liña da fronteira ata o marco 19 onde deixamos a divisoria para meternos campo a través no país veciño, en dirección sudoeste, seguindo as rodeiras uns 200 metros ata dar cunha pista forestal fortemente degradada. Se os marcos puidesen falar habíanos de contar unha chea de historias sobre enfrontamentos e contrabando.

Seguiremos dita pista en lixeiro descenso co curso das primeiras fontes do río Leboreiro ata o Rodeiro, fermoso pobo coas súas rúas empedradas que viviu tempos máis boiantes pasando a fronteira. Mentres beben os cabalos visitamos o forno comunal que tres mulleres están avivando para cocer a fornada. O señor Xoán cóntanos tamén que desde alí, pasaron en pezas os primeiros camións que Barreiros montou en Ourense.

De novo sobre a montura baixamos pola pista que nos leva á vila. A vila de Castro Leboreiro, capital da Freguesía pertencendo ao Concello de MelgaÇo, situada no planalto co mesmo nome, en plenas serras a uns mil metros sobre o nivel do mar, bañados polas augas cristalinas do río Leboreiro, serpeando serra abaixo ata se xuntar ao río Limia. Ligadas ás súas marxes permanecen as pontes que as civilizacións que pasaron por aquí foron construíndo ao longo do tempo. Pontes romanas como a Ponte da Cova da Vella, románicas do século XII como a de Dorna, de Rodeiro ou  a de Varciela e estilo celta como a dos Portos.

Chegados a Castro Leboreiro xa polas rúas empedradas co ruído dos cabalos a xente sae á porta, tamén o noso amigo Antonio espéranos para recibirnos ao pe do seu restaurante Miradoiro do Castelo onde facemos parada e fonda.

Acomodamos e acomedamos as monturas e despois nos tamén nos preparamos para baixar ao restaurante. Sentados ao pe da galería contemplamos o seu castelo, que di o pobo ser obra de mouros. Aníbal Rodríguez colócao alá polo ano 955 fundado por San Rosendo, Gobernador do Val do Límia. Nos principios do século XIV caeu un raio na caseta da pólvora que fixo saltar polos aires todo o polígono. D. Denís ordenou a súa reedificación. Desmontado no século XIX coñeceu na segunda metade do século pasado unha pequena intervención de limpeza e intervención.

Aproveitando o frescor da tardiña e mentres o cabrito esta a cociñarse no forno subimos ao castelo e disfrutamos da inexpugnable fortificación. Para baixar faixe máis difícil aínda que menos agotador. Os pasos son de vértigo, pero xa abaixo seguimos o paseo ata dar co Pelouriño de 1560 que é monumento nacional. A súa igrexa construída no século XII, estilo románico, e como non, tamén visitamos un criadeiro de cans de raza pura, dócil e altiva, dos mundialmente famosos cans de Castro Leboreiro.

Ceamos, fixemos a queimada e pouco a pouco fómonos retirando a durmir. Pola mañá alimentados os cabalos e nos, emprendemos o camiño de volta disfrutando desta rexión de extraordinaria beleza onde os seus vales amenos, os planaltos extensos e a serra agreste harmonízanse marabillosamente.