Viaxe a Santiago

Santiago a Cabalo

Autor:
Pepe López Vilachá

O Ano Santo Compostelán é unha razón ou escusa para organizar unha viaxe a Santiago. Así o fixemos dende a Asociación de Cabalistas O Mundil que, un ano máis, organizamos e fixemos o Camiño.

Saímos o día 11 de outubro, o 12 era festivo e o 13 domingo. Dispoñemos de tres días.

Todo empezou moito antes desta data cos preparativos da viaxe a cabalo, con todo o que iso ocasiona: formar o grupo, conseguir aloxamento, comida e transporte para a volta, etc.

Logo de resoltas estas necesidades, chegamos á véspera da partida. Xuntámonos os compañeiros da viaxe na Hípica para cargar o coche de apoio e tomar unha cervexa no bar, mentres decidimos camiño, sabedores de que todos os camiños lle servían e serven ao peregrino para chegar a Compostela.

Esta vez escollemos o camiño dos arrieiros para chegar a Lalín e xa, dende alí, coller o Camiño da Prata, a Vía da Prata, o camiño quizais coa maior bagaxe histórica do país.

 

Saímos o venres moi cedo. A noite fíxose escura cando deixamos a iluminación pública e nos metemos polo camiño do Regueiro, no Bugallón, a Santa Cateliña, onde nos espera Antonio Ferrador e seu fillo Óscar. Dende alí, e polos camiños de servizo que a nova estrada trazou, imos a Villar de Vacas, onde recollemos a Alex, grazas á telefonía móbil. Xa o grupo completo, pola ponte da Cagalla, cruzamos o río Gato e, por detrás de Cartelle, por esas novas pistas da parcelaria, camiñamos ata a Armada, onde cruzamos a Comarcal 404 en dirección a San Pedro, para faldrear a ladeira, sempre á sombra do grandioso couto de Novelle, que empezamos a ver coa alba. A vista dende aquí é impresionante e paga a pena gozala un pouco: a depresión de Barral, co encoro de Castrelo ao fondo e, ao lonxe, as serras do Faro de Avión, o menhir de Pena Corneira, a serra do Suído e, no horizonte, os montes do Testeiro. Nós imos máis lonxe, máis aló (Utreia, que dicía o peregrino).

Viaxamos polas pistas forestais ata Santa María para cruzar o Miño. Facémolo pola ponte do encoro a Sampaio e, fronte ao stop, collemos un camiño que nos pasa debaixo da autovía e da nacional de Vigo. Mañá nubrada e agradable, facemos unha parada no bar da nacional, dámoslles de beber aos cabalos e tomamos un café, mentres o ferrador lle pon a ferra que Atila xa perdera na baixada. Todo arranxado e coa barriga menos baleira emprendemos de novo o camiño cara a Quinza e ao río Avia. Pola súa marxe dereita, collemos a rota de sendeirismo por debaixo de Santiago de Esposende, a Ponte e San Clodio, onde cruzamos pola ponte romana para trotar Leiro e camiñar a Pazos do Arenteiro, onde deixamos o río Avia, para coller o sendeiro do río Arenteiro que nos leva ao Carballiño.

En Pazos de Arenteiro paramos para beber unha xerra de viño tinto de Cabanelas pero, como era vello, o Antonio de Sande quixo probar o novo. Tamén o bebemos e, xa nas monturas, cruzamos o río e entre balados a sombra dos amieiros, carballos e sobreiras ata Cabanelas, para seguir subindo entre as casas e viñas a Cima de Vila. Baixamos de novo ao río para cruzalo pola ponte do Castro. Subimos a Paradela para volver baixar a Porteriza, co seu cruceiro con gravados de serpes e unha representación da Santa Bárbara con dúas ánimas e, pola ponte dos Arcos ata a ponte Godás, para seguir un sendeiro de pescadores, pasarelas, pontes de madeiras, ata o muíño das Lousas. Aquí esperábanos Montse e Miguel, os organizadores, coa comida encargada. Así que desmontamos, démoslles de beber e á mesa.

Saímos do Carballiño coa axuda dun membro de Protección Civil e camiñamos ao Irixo xa por algún camiño, xa polos camiños de servizo da nova estrada. Cruzamos o Irixo con chuvia e frío, pero o peor aínda estaba por vir ata chegar a Lalín, onde fixemos noite. Foi neste tramo onde Cecilio me descubriu a nosa verdadeira afección cabalar, un pouquiño impotente ante as adversidades climatolóxicas. Nós non somos xinetes de longos percorridos, somos xinetes de feira: ir, comer e beber ben e volver como se poida.

Grazas aos Cabaleiros do Deza que, coma sempre, nos proporcionaron unha estancia máis agradable, esperándonos na feira para servirnos o que nos fixo falla. Deixamos os cabalos na feira e fomos dereitos ao hotel para darnos unha ducha quente, cear… e saír de marcha, propúñalle o Pelos ao resto do grupo, aínda que na sobremesa foi o primeiro en desaparecer.

Para seguir o Camiño da Prata deixamos Lalín, pola carballeira de San Xusto, que o Concello de Lalín coida e aumenta ano tras ano, para cubrir e desfrutar no seu paso, para ir en dirección a Ponte Ledesma, onde cruzamos o Ulla e entramos no termo de Boqueixón, onde se alza o impoñente pico Sacro, testemuña secular do paso de tanto peregrinos. Dende a cima deste pico nos días claros vense as torres de Santiago, pero a nós inda nos queda un treito. Chuvia, aire e frío entumecen as pernas e facemos a baixada ata a ponte Ulla a pé, para cabalgar de novo, baixo as parras, coas uvas aínda colgadas, rosadas, de sabor medicinal, que non deixamos de probar. Pero se verdadeiramente queredes coñecer a definición do seu sabor, probádeas ou preguntádelle ao Adolfo.

A pouco de saír de Lalín, o sábado, e unha vez que deixamos a fermosa carballeira, a chuvia e o aire non nos abandonará ata Santiago. Seguimos e non paramos ata chegar. Na Susana esperábanos o noso compañeiro Diego que habilmente nos levou ata o recinto feiral, onde tiñamos acomodo para as monturas e, moi preto destas instalacións, tamén para nós. Mollados, cansos e con ganas dunha ducha quente, despois de acomodar os nosos cabalos, empezou a festa. Seguía chovendo, pera xa estabamos en Santiago.

O domingo amañeceu alegre e os raios do sol entraron pola ventá. De novo hai que madrugar para entrar na praza do Obradoiro antes das dez. Así que levantámonos as oito para alimentar os cabalos, enselar e cabalgar ata a praza da catedral, onde gozamos da fin do camiño.

Quedábanos a volta, pero sen vento nin chuvia. Os cabalos subímolos ao camión de Pepe Grande e nós repartímonos para volver baixo teito.