Sindo González
C. ecuestre Deputación Provincial
A “paréntese” que sufriu a actividade ecuestre nos anos 70 e 80, propiciou que chegase a existir un certo grao de incultura hípica entre os novos afeccionados e propietarios. E todos nós, cando comezamos, escoitamos a voz dos máis vellos que tiñan “nado entre eles” e “pelexado toda a vida con eles”, o que lles infundía autoridade suficiente para darnos consellos de manexo. Nin que dicir ten que para eles o cabalo era realmente importante, non hai máis que comprobar cómo se lles enche a boca a algúns o antepoñerlles o adxectivo: un bo cabalo era moi apreciado. As recomendacións son unhas veces moi sabias e outras, de dubidosa eficacia, pero todas teñen a súa razón de ser. De só unhas poucas desas prácticas (a lista é inmensa) nos imos ocupar, aínda que moi brevemente, de seguido.